Este Entroido, o noso centro encheuse de historias, personaxes inesquecibles e moita imaxinación. O alumnado transformouse en protagonistas de libros e relatos coñecidos, convertendo os corredores do cole nun auténtico desfile literario.
Cada grupo escolleu unha obra ou universo narrativo diferente, achegándose tamén ás súas autoras e autores:
– 4º de EI mergullouse no mundo de Cocorico, de Marisa Núñez
– 5º de EI viaxou co Cangrejo ermitaño, tamén de Eric Carle
– 6º de EI deu vida a Antón Piñón, de Gabriela Keselman, Jose Carlos Andrés, Fran Pintadera
– 1º ciclo entrou no universo máxico de Harry Potter, creado por J. K. Rowling
– 3º de EP recreou o conto clásico de Brancaneves, recompilado polos Irmáns Grimm
– 4º de EP apostou polos personaxes da banda deseñada
– 3º ciclo encheu o cole de manchas brancas e negras cos Os 101 dálmatas, de Dodie Smith
Aínda que o mal tempo non nos permitiu saír ao exterior, celebramos un desfile dentro do propio centro, no que todo o alumnado puido amosar os seus disfraces e compartir este momento tan especial co resto da comunidade educativa.
Pero este Entroido foi moito máis ca unha festa: serviu tamén como oportunidade para investigar, descubrir novas obras literarias e achegarse a historias que, nalgúns casos, aínda non coñecían. A través desta proposta, a literatura converteuse en ocio, fonte de gozo e punto de encontro, reforzando a idea de que ler é tamén unha maneira de celebrar, crear e soñar.
Desde a biblioteca quixemos poñer en valor os libros como portas abertas á imaxinación, ao coñecemento e á emoción. Cada disfraz foi unha escusa perfecta para falar de contos, autoras e autores, personaxes e tramas, favorecendo o interese pola lectura desde unha experiencia vivencial e compartida.
Por motivos de protección de datos e da imaxe do alumnado, nesta ocasión non podemos acompañar a entrada con fotografías, pero gardamos na memoria un Entroido cheo de cor, creatividade e amor polos libros.
Porque cando a literatura entra no cole… todo cobra outro sentido.
Seguimos facendo da lectura unha festa. Seguimos facendo comunidade. ✨
No hay comentarios:
Publicar un comentario