martes, 25 de noviembre de 2025

💜 25N: Os contos como ferramenta para educar en igualdade

 



Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desde a BiblioAnxo puxemos en marcha un traballo común en todo o centro, no que participou todo o alumnado, e que tivo como fío condutor os valores que transmiten os contos.

Ao longo destes días, as aulas achegáronse a diferentes historias que falan de igualdade, respecto, coeducación, liberdade, amizade, bo trato e convivencia pacífica. A través da lectura, da reflexión compartida e da expresión artística, o alumnado puido comprender, desde idades moi temperás, a importancia de rexeitar calquera tipo de violencia e promover relacións baseadas no respecto mutuo.

Cada grupo achegou a súa mirada, adaptando a visión á súa etapa educativa, pero sempre cun mesmo obxectivo común: educar en valores para construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencia. O resultado foi un traballo colectivo cheo de mensaxes positivas, simbolismo e compromiso, que amosa que, desde a escola, tamén se pode e se debe traballar pola igualdade.

Desde a biblioteca queremos agradecer a implicación do profesorado e do alumnado neste proxecto tan necesario, así como poñer en valor o poder dos contos como ferramenta educativa para axudar a comprender o mundo e transformalo 💜📚.

No hay comentarios:

Publicar un comentario