No cole, o Samaín deste ano foi unha verdadeira festa de imaxinación e traballo en equipo, grazas á participación das nosas familias e alumnado na proposta do Equipo de Dinamización da Lingua e do Equipo de Biblioteca. O reto era claro: deixar voar a creatividade e, ao mesmo tempo, traballar de maneira responsable co medio ambiente, reciclándoo e reutilizándoo para crear obxectos e decorados temáticos para esta festividade.
A nosa comunidade educativa respondeu con entusiasmo e moita enerxía a esta iniciativa. Grazas ao esforzo e á implicación de todas as familias e os alumnos e alumnas, conseguimos transformar simples caixas de cartón en auténticas obras de arte. Desde calabazas terroríficas ata pantasmas e bruxas, as propostas foron tan variadas como creativas, e cada traballo foi único. Non só conseguimos reciclar, senón que tamén aprendemos a dar unha nova vida aos materiais, demostrando que a imaxinación non ten límites.
A colaboración entre familias e nenos e nenas foi fundamental para que esta actividade fose un éxito. Vimos como cada cociña, cada salón e cada casa se convertía nun pequeno taller onde a maxia do Samaín tomaba forma. O traballo en equipo tamén se reflectiu na decoración do centro, que este ano estivo repleta de orixinais creacions feitas a partir de materiais reutilizados, engadindo un toque moi especial á nosa festa.
Queremos agradecer sinceramente a todas as familias e, por suposto, aos nosos rapaces e rapazas pola súa ilusión, dedicación e participación. A vosa creatividade foi fundamental para facer do Samaín deste ano unha celebración incrible, que quedará gravada na memoria de todos nós.
Continuamos traballando para fomentar valores como a responsabilidade ambiental e a creatividade no noso cole, e este tipo de actividades son un exemplo perfecto de como podemos aprender e divertirnos ao mesmo tempo.
Moitas grazas a todos e todas por facer posible que este Samaín sexa, un ano máis, unha festa inesquecible no cole!