miércoles, 29 de octubre de 2025

FORMACIÓN AO VOLUNTARIADO DE 5º E 6º DE EP



Esta semana, o alumnado voluntario de 5º e 6º de Primaria está a recibir formación para colaborar na dinamización da nosa biblioteca escolar durante o tempo de recreo e nas horas de ler.

A través destas sesións, están aprendendo tarefas fundamentais como a catalogación e colocación dos fondos, o coñecemento da CDU para organizar os libros por temáticas, e tamén a xestión dos xogos de mesa dispoñibles para o tempo de lecer.

👏 Grazas ao seu entusiasmo e compromiso, a nosa biblioteca converterase nun espazo aínda máis activo, participativo e cheo de vida. ¡Bo traballo, equipo BiblioAnxo! 💫

martes, 28 de octubre de 2025

📚 CHEGOU O DÍA DA INAUGURACIÓN 🦉


O pasado 24 de outubro celebrouse o Día das Bibliotecas, pero no CEIPP Anxo da Garda tivemos un motivo especial para festexalo un pouco máis tarde. O 27 de outubro foi o noso día grande, xa que inauguramos oficialmente a nova biblioteca escolar do centro.

No acto contamos coa presenza do noso Inspector de educación, representantes do Concello da Coruña, o equipo directivo do IES Monte das Moas, antigos alumnos, membros do Consello Escolar, da AFA e, por suposto, todo o profesorado do colexio, que compartiu con entusiasmo este momento tan especial.

Foi un acto moi emotivo, cheo de lembranzas, agradecementos e ilusión polo que está por vir. Agora si, a nosa biblioteca BiblioAnxo abre as súas portas para converterse nun verdadeiro lugar de encontro, de lectura, de aprendizaxe compartida e de soños que voan entre libros. 💫📖

Deixámosvos un enlace á nova de prensa:

https://www.laopinioncoruna.es/coruna/2025/10/28/ninos-reviven-corazon-anxo-da-123086470.html

📚 NORMAS DE USO DA BIBLIOTECA EN HORARIO DE TARDE 🦉

 

A nosa biblioteca escolar abre as súas portas, a partir da vindeira semana, ás familias os martes e xoves, de 16:00 a 17:30, para qu epoidades gozar dun tempo de lectura, xogo e encontro compartido.

As normas de uso son as que seguen:

1. Acompañamento: O alumnado deberá acudir sempre acompañado polas súas familias, que serán as encargadas da súa garda e custodia durante toda a estancia.

2. Coidado do espazo: A biblioteca é un lugar de convivencia e respecto. Animámosvos a deixar todo tal e como o atopastes para que outras persoas tamén poidan gozar do espazo en boas condicións.

3. Consulta e uso dos materiais:  Podedes ler e consultar libremente os libros, contos e xogos de mesa dispoñibles, aproveitando este tempo para compartir momentos de lectura e xogos en familia.

4. Préstamo: Cada familia poderá levar en préstamo un conto para continuar a diversión e a lectura na csa. Os xogos de mesa poderán usarse só durante a estadía na biblioteca, non sendo obxecto de préstamo.

5. Convivencia:  É importante seguir sempre as indicacións da mestra ou mestre de garda, que está para axudar e garantir o bo funcionamento do espazo.

6. Alimentación: Para manter o espazo limpo e acolledor, a biblioteca é un lugar libre de comida, reservando a merenda para antes ou despois da visita.

Agradecemos a vosa colaboración para que a nosa BiblioAnxo siga sendo un lugar máxico onde compartir historias, risas e aprendizaxes en familia.



miércoles, 1 de octubre de 2025

VISÍTANNOS AS BIBLIOTECARIAS DA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE O CASTRILLÓN



Hoxe o alumnado de 5º e 6º de EP recibiriu unha visita moi especial. Dúas responsables da biblioteca do barrio viñeron presentar unha actividade moi chula: "Obxectivo Bibliotek", coa finalidade de dinamizar a lectura entre nenos e nenas de entre 9 e 14 anos.

Animádevos a participar!