Ao longo do mes de novembro e a primeira semana de decembro, o alumnado do centro estivo mergullado nun fermoso proxecto creativo: a elaboración de obras literarias e artísticas para participar no Certame Literario de Nadal 2025 da BiblioAnxo. Durante estes días, as aulas encheron de imaxinación, palabras, debuxos e historias cheas de espírito do Nadal.
O certame contou con diferentes modalidades adaptadas a cada ciclo:
-
2º ciclo de Educación Infantil: debuxo libre.
-
1º ciclo de Educación Primaria: debuxo narrado, combinando ilustración e unha pequena descrición.
-
2º ciclo de Educación Primaria: banda deseñada.
-
3º ciclo de Educación Primaria: narrativa (conto ilustrado).
En todas as modalidades, a temática común foi o Nadal, e os traballos estiveron redactados en lingua galega, da man do EDLG, promovendo así a creatividade e o uso da nosa lingua. A participación foi individual e todos os traballos realizáronse na aula. Ademais, cada titoría fixo unha preselección dos traballos, que foron entregados ao equipo de biblioteca asinados cun pseudónimo, garantindo a confidencialidade do alumnado.
O equipo da BiblioAnxo actuará como xurado, valorando as obras presentadas. O certame contará con tres premios por ciclo, consistentes en libros e/ou material didáctico, e ademais haberá un premio especial, xa que un dos debuxos gañadores ilustrará a postal de Nadal do cole. A data límite de entrega foi o 9 de decembro.
O día 19, durante o festival, farase a entrega de agasallos para o alumnado gañador.
Desde a biblioteca queremos felicitar a todo o alumnado polo seu esforzo, ilusión e creatividade, así como agradecer o gran traballo do profesorado por fomentar o gusto pola escritura, a expresión artística e a lectura. Moi pronto compartiremos os traballos gañadores… ✨📚🎄




