lunes, 2 de junio de 2025

TEMOS UNHA SORPRESA MOI ESPECIAL

 



Aínda que aínda estamos en proceso de reforma, non podiamos agardar máis para ensinárvolo: a nova biblioteca comeza a coller forma! 🛠️📖

Hai novos recunchos por descubrir, espazos máis amplos e acolledores, e moita ilusión posta en cada detalle. Pouco a pouco imos construíndo un lugar pensado para gozar da lectura, da calma e da imaxinación.

Quedan cousiñas por facer, si... pero queriamos compartir con toda a comunidade educativa este primeiro adianto dun espazo que será de todos e todas.

📸 Pronto máis novidades... Estade atentos/as!


VOTACIÓN DO LOGO DE ANXO NAS ONDAS



Nestes días terá lugar no cole unha votación moi especial: imos escoller o logo da nosa emisora escolar “Anxo das Ondas”!

🖍️ As propostas foron elaboradas polo alumnado de 6º de EP, que puxo todo o seu enxeño e creatividade para dar forma á imaxe que nos representará nas ondas.

🗳️ Votará cada alumna/o e mestra/e do cole, para decidir cal será o deseño gañador.

Moi pronto coñeceremos o resultado... e estrearemos logo con moita ilusión! 🎧✨

MÁIS CONTOS EN FAMILIA

 




Seguimos gozando das lecturas compartidas coas familias nas aulas de Educación Infantil. Unha actividade chea de maxia, emoción e complicidade, na que mamás, papás, avoas ou irmáns maiores se converten por uns intres en contacontos moi especiais. ✨💬

Estas sesións non só fomentan o gusto pola lectura, senón que fortalecen os vínculos entre a escola e as familias, creando momentos inesquecibles para o noso alumnado. 💛

Aquí vos deixamos algunhas imaxes das últimas visitas. Grazas a todas as familias pola vosa participación e entusiasmo! 📸👇

PRESENTÁMOSVOS A OLLIÑOS, A NOVA MASCOTA DA BIBLIOTECA!

 

Despois do recente cambio estético que vivimos na nosa biblio, sentíamos que era o momento perfecto para renovar tamén a nosa mascota. Queríamos que continuase transmitindo a mesma ilusión e espírito lector... e así naceu Olliños! 👀📖

Olliños é unha creación moi especial, feita con moito agarimo pola avoa de dous alumnos do noso centro. Conserva a esencia da mascota orixinal, aquela que fora escollida por toda a comunidade educativa a través dun concurso realizado no primeiro trimestre do ano 2018. 🗳️🎨

Con este novo deseño, mantemos viva a nosa historia, ao tempo que damos un pasiño máis na transformación da nosa biblioteca escolar, sempre cun ollo posto no pasado e outro no futuro.

BenvidO, Olliños! Estamos desexando compartir contigo mil aventuras lectoras! 📚🌟

martes, 27 de mayo de 2025

NOVOS FONDOS DE LIBRO INFORMATIVO

 


Seguimos ampliando e mellorando os recursos da nosa biblioteca escolar, e hoxe queremos compartir con vós unha nova incorporación: os libros que aparecen na foto son novos fondos de carácter informativo, escollidos con coidado para enriquecer o fondo documental do centro.

Estes materiais están orientados a apoiar o desenvolvemento das diferentes áreas curriculares, ofrecendo contidos actualizados, atractivos e adaptados aos intereses do noso alumnado.

Durante estes días, os libros están expostos na sala de mestres, de xeito que o profesorado poida consultalos de primeira man, coñecer as súas  posibilidades didácticas e valorar a súa incorporación nas programacións e nas actividades de aula.

Animámosvos a botarlles un ollo en canto abra a biblioteca e a empregalos como ferramenta para seguir facendo da nosa biblioteca un espazo vivo, útil e cheo de aprendizaxes.

lunes, 26 de mayo de 2025

A VACA JOSEFINA CHEGA Á AULA DE 5º DE EI DA MAN DO ALUMNADO DE 6º DE EP🐮📚



O alumnado de 6º de Primaria está a visitar a aula de 5º de Infantil para contarnos contos da entrañable colección da vaca Josefina.

Todo comezou cando a nai dunha compañeira veu contarnos unha das historias desta divertida vaca. A actividade foi todo un éxito: os nenos e nenas quedaron encantados coa historia, coa visita e coa maxia da narración oral.

Tan boa acollida tivo, que decidimos continuar coa experiencia. Agora, son os maiores do cole quen collen o relevo e veñen a compartir connosco novas aventuras da vaca Josefina. Ademais de fomentar a lectura, esta actividade promove a relación entre etapas e a aprendizaxe cooperativa.

Cada encontro é unha oportunidade para escoitar, imaxinar, rir e medrar xuntos arredor dos libros. Grazas aos nosos contadores e contadoras e a toda a comunidade educativa que o fai posible. No Anxo, seguimos construíndo pontes a través das historias. 💜📖✨

viernes, 23 de mayo de 2025

CREAMOS CONTOS EN 1º DE PRIMARIA

 


O alumnado de 1º de EP estivo a traballar moito esta semana creando as súas propias historias, respectando as partes que debe ter un conto. Unha vez feitos, ilustracións incluidas, foron ás diferentes aulas do cole a ensinarnos as súas creacións. 

Esta é unha forma marabillosa para traballar a lectoescritura, a creatividade, e compartir o proceso con compañeiras e compañeiros. Así, traballamos os obxectivos do Plan de Lectura e de Biblioteca do noso cole.

Continuamos!