Hoxe viñeron a BiblioAnxo Pinto & Chinto, para falar cos nenos e nenas de 1. º e 2. º de primaria sobre un libro deles que acaban de ler: "Contos para nenos que dormen deseguida".
Viñeron acompañados por Xosé Pérez, da editorial Kalandraka.
Os tres contáronnos cal é o proceso para crear un libro, de onde xorden as ideas, cales son os seus escritores e libros favoritos, cal é a orixe do nome Pinto & Chinto... unha chea de cousas interesantes!
Despois tivemos a sorte de que Carlos López (Chinto) nos contase un par das historias que aparecen no libro ao mesmo tempo que David Pintor (Pinto) ía debuxando as personaxes e acontecementos das historias.
Para rematar, pedímoslles que nos asinaran no Libro de Visitas de BiblioAnxo, onde deixan a súa pegada todas as persoas que deciden agasallarnos cun pouquiño do seu tempo e saber facer.
Moitas grazas pola vosa visita!
No hay comentarios:
Publicar un comentario